Lista de episodios de Doraemon

Esta é unha lista de episodios de Doraemon, un exitoso anime xaponés que se vén emitindo pola TVG desde os anos 90 ata a actualidade. No Xapón, existen tres series de Doraemon: unha do 1973, outra de 1979 e unha derradeira do 2005. A primeira constou de 26 episodios pero, co paso do tempo, estes perdéronse. A segunda, a máis coñecida, posúe un total de 1787 capítulos e produciuse desde o ano 1979 ata o comezo do ano 2005. A terceira, que continúa producíndose nos nosos días desde ese ano, ten xa máis de 300 capítulos.

É importante ter en conta que as series que chegaron a Galiza foron as do 1979 e a do 2005. No caso da primeira, a numeración xaponesa ten en conta que un só capítulo equivale a unha soa historia da serie de 8 minutos, porén, en Galiza emitíanse en bloques de tres ou dous capítulos que formaban un total de 25 minutos. É por iso que se dobraron ao galego os máis dos episodios orixinais da serie, aínda que á hora de numeralos, son moitos menos. Cómpre sinalar que tampouco se seguiu a orde de emisión xaponesa. Antes de producirse a estrea dos episodios da serie do 2005 a versión galega meteu entre eles os especiais e as curtametraxes da serie de 1979, e numerounas tamén como capítulos normais. Será a partir do capítulo 772 cando se estree en galego a serie do 2005. Moitos episodios non son emitidos e outros non se emiten en orde, sendo deste xeito que o episodio 772 na numeración galega, por exemplo, correspóndese co primeiro episodio desta serie, e o 927 da TVG, é o 212 da serie do 2005. Tamén se incluíron os episodios especiais desta serie.

En resumo, a numeración galega establece que tres ou dúas historietas da serie de 1979 conforman un episodio, engade as curtametraxes e especiais desta serie e, posteriormente, os episodios da serie do 2005 xunto cos seus episodios especiais. Malia que xa se indicou que as curtametraxes incluídas nos DVD das longametraxes foron incluídas na serie coma episodios normais (eps. 737-751), houbo unha que non se introduciu: Ano 2112 - O nacemento de Doraemon.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy